Sunday 19 de May de 2024

O San Miguel reuniu a centos de veciños/as de Frades na carballeira de San Nicolau


A coincidencia en fin de semana fixo que se multiplicara o número de xantares populares

Varios centos de veciños e veciñas de Frades e de municipios veciños participaron un ano máis na tradicional Festa de San Miguel, que ten lugar todos os anos na contorna da carballeira de San Nicolau. A coincidencia da festividade en fin de semana multiplicou considerablemente a asistencia con respecto a anos anteriores nos que, pese a ser festivo local, non era ata ben entrada a tarde cando se concentraba un maior número de persoas.

Isto notouse especialmente no número de xantares populares que se organizaron na carballeira, que se multiplicaron con respecto a anos anteriores e fixo que mesmo houbera algúns, os máis novos, que tiveron que poñer as tendas en parte dunha parcela reservada como aparcamento. E é que no San Miguel de Frades os protagonistas son as familias e os grupos de amigos, que se achegan a comer ata esta carballeira traendo da casa non só a comida, senón tamén as mesas, as cadeiras, as tendas de campaña, etc.

O día acompañou, polo que a festa prolongouse ata ben entrada a madrugada. Un ano máis, o churrasco, a empanada e a tortilla foron as raíñas da xornada. E ás sobremesas caseiras tamén se poderían engadir as rosquillas, churros e demais larpeiradas nos distintos postos da feira.

Como todos os anos, o punto álxido da xornada tivo lugar pasadas as 14:30 horas, coincidindo coa saída en procesión do San Miguel pola contorna da capela e a sesión vermú coa orquestra Iris, quen volveu tocar na verbena nocturna canda a orquestra Samba. Un ano máis, a charanga O Recobio encargouse de poñer a nota musical nos xantares.

Ata a festa achegáronse os distintos concelleiros do Concello de Frades, encabezados polo alcalde Roberto Rey Martínez, así como diversos cargos do Partido Popular da provincia, que participaron nun xantar organizado polas Novas Xeracións do PP e que congregou a máis de 450 persoas. Entre os presentes estaban o presidente provincial do Partido Popular, Diego Calvo; o voceiro do PP na Deputación e candidato á Alcaldía de Santiago, Agustín Hernández; e concelleiros do Partido Popular de toda a comarca.